🔹Tríades

Chelsey Hamm

PUNTOS PRINCIPAIS

  • Unha tríade é un acorde de tres notas que se poden ordenar por terceiras. As notas dunha tríade sempre se poden agrupar no pentagrama de forma que fiquen todas en liñas ou todas en espazos.

  • Cando unha tríade está agrupada na súa forma máis compacta, por terceiras, a nota máis grave chámase fundamental, a nota do medio chámase terceira e a nota máis alta, quinta.

  • Hai catro tipos de tríades: a tríade maior ten 3ª maior e 5ª xusta, a tríade menor ten 3ª menor e 5ª xusta, a tríade diminuída ten 3ª menor e 5ª diminuída e a tríade aumentada ten 3ª maior e 5ª aumentada.

  • Ao usar os símbolos de acorde, as tríades maiores represéntanse con letras maiúsculas, (co nome da nota fundamental), as tríades menores teñen un "m" minúsculo ao lado do nome, as tríades diminuídas teñen un círculo arriba (º) e as tríades aumentadas teñen o signo máis (+) . Existen outras abreviaturas, que se tratarán no capítulo dedicado aos símbolos do acorde.

  • Nas tonalidade maiores e menores, as tríades teñen unha natureza fixa en cada grao da escala. É a mesma en todas as tonalidades maiores ou menores, de modo que é útil memorizala.

  • As tríades identifícanse en función da nota fundamental, a natureza e a inversión.

Un acorde é calquera combinación de tres ou maís clases de altura que soan á vez. Este capítulo céntrase nas tríades, os acordes que teñen tres notas que se poden agrupar por terceiras.

Tríades

As tres notas dunha tríade sempre se poden ordenar por terceiras. O Exemplo 1 mostra dúas tríades, escritas primeiro como melodía e despois como harmonía. A primeira tríade está en tres espazos adxacentes, mentres que a segunda está en tres liñas adxacentes. As notas dunha tríade sempre se poden agrupar de forma que estean as tres en espazos ou as tres en liñas. Cando agrupamos as notas da tríade na súa forma máis compacta (como nos compases 2 e 4 do Exemplo 1), parecen un boneco de neve (ver Exemplo 2). Igual que un boneco de neve consta de parte inferior, medio e cabeza, unha tríade consiste de nota grave, media e aguda.

Exemplo 1. Dúas tríades, representadas melódica e harmonicamente.
A snowperson with a hat and scarf is shown.
Exemplo 2. Un boneco de neve.

Como termo coloquial, até poderiamos decidir chamar a esta forma agrupada da tríade a "posición do boneco de neve", mais o termo oficial é "estado fundamental". Falaremos máis disto no capítulo Inversión e baixo cifrado. Como ves no Exemplo 3, a nota máis grave dunha tríade chámase fundamental, a do medio chámase terceira (porque está a distancia de terceira da fundamental), e a aguda chámase quinta (porque está a distancia de quinta).

Exemplo 3. Unha tríade cos nomes das notas: fundamental, terceira e quinta.

Natureza das tríades e identificación auditiva

Hai catro naturezas ou calidades posibles dunha tríade: maior, menor, diminuía e aumentada. Estas veñen determinadas pola natureza do intervalo que se forman entre a fundamental e a terceira e do que se forma entre a fundamental e a quinta. Estas naturezas están recollidas no Exemplo 4: a natureza da tríade aparece por riba da pauta, a natureza do intervalo de quinta aparece á esquerda en vermello e a natureza da terceira aparece á dereita en azul. A tríade aumentada aparece de última porque os outros tres tipos son máis comúns tanto no repertorio da música clásica como no das músicas populares.

Repara en que as tríades reciben o nome dos intervalos importantes que conteñen:

  • As tríades maiores e menores reciben o nome da súa terceira (e a quinta nos dous é xusta).

  • As tríades diminuída e aumentada reciben o nome da súa quinta:

    • A quinta da tríade diminuída é diminuída (e a terceira é menor).

    • A quinta da tríade aumentada é aumentada (e a terceira é maior).

Escoita con atención as diferentes naturezas das tríades do Exemplo 4. É común relacionarmos cualidades expresivas con cada tríade cando estamos a aprender como soan. Podes pensar que as tríades maiores soan "alegres", as tríades menores son "tristes", as tríades diminuídas "dan medo" e as aumentadas teñen un son "místico" ou "fantasioso".

Example 4. Tríades con diferentes naturezas

Símbolos de acorde

Para representar unha tríade podemos empregar símbolos de acorde, que consisten en designar a nota que fai de fundamental e indicar a natureza do acorde. Alén disto, ás veces tamén se indica que nota está no baixo (isto significa que é a nota máis grave do acorde, non que o interprete un instrumento ou voz concreto).

Os símbolos do acorde comezan co nome da fundamental en maiúscula (e, se for necesario, a alteración). A seguir, exprésase a natureza do acorde. Para isto hai varios sistemas e abreviaturas, pero neste libro seguiremos as seguintes [1]:

  • Tríade maior: non engade símbolo ou ben engade a letra maiúscula "M".

  • Tríade menor: letra minúscula "m".

  • Tríade diminuída: círculo en superíndice, como os graos centígrados (º).

  • Tríade aumentada: signo máis (+).

Por exemplo, os símbolos de acorde , DÓm, DÓº e DÓ+ significan, respectivaemente: acorde de Dó maior, acorde de Dó menor, acorde de Dó diminuído e acorde de Dó aumentado. Se a fundamental do acorde tiver unha alteracion, hai que incluíla: por exemplo SI♭m é o símbolo do acorde de Si♭ menor, e FA#º é o símbolo da tríade diminuída de Fa#.

Estes símbolos úsanse moi habitualmente en inglés, e denomínanse "cifrado americano", dado que foron popularizados nas partituras das músicas populares americanas. Para lelos, só cómpre lembrar que a letra A equivale á nota la, e as seguintes notas reciben sempre a seguinte letra do alfabeto. Por outra parte, aínda que existen diversas convencións, as naturezas maior e menor levarían a abreviatura ma (major) e mi (minor), mais, como diciamos, o habitual é que o acorde maior non leve máis indicacións. Así, os acordes antes mencionados coa fundamental Dó escribiríanse C, Cmi, e C+, o de Si♭ menor sería B♭mi e o de Fa# diminuído, F#º.

Por último, se a nota máis grave do acorde é diferente da fundamental, engádese unha barra lateral para incluír esa nota que está no baixo. Este tema tratarase con máis detalle no capítulo Inversión e baixo cifrado. O Exemplo 5 mostra as tríades de Dó maior e Dó menor cos seus símbolos no cifrado americano (C e Cmi). Despois mostra como cambia o símbolo do acorde de Dó menor cando a nota máis grave non é Dó: Se a nota máis grave é Mi♭, o símbolo do acorde Cmi/E♭, e cando a nota máis grave é Sol, o símbolo é Cmi/G.

Example 5. Catro tríades con símbolos de acorde.

Naturezas dos acordes nas escalas maiores e menores

Calquera nota da escala maior pode ser a fundamental dunha tríade. Como ves no Exemplo 6, que está na tonalidade de Sol maior, as tríades construídas nos graos \hat{1}, \hat{4} e \hat{5} das tonalidades maiores son maiores, e por iso aparecen designados cunha letra maiúscula. As tríades construídas nos graos \hat{2}, \hat{3} e \hat{6} son menores, e por iso aparecen coas letras minúsculas "mi" despois do nome da fundamental. As tríades construídas no grao \hat{7} son diminuídas, e por iso aparecen co símbolo dos graos, º. Estas naturezas das tríades non mudan noutras tonalidades. É dicir, a natureza do acorde que se constrúe sobre o primeiro grao dunha escala maior sempre será maior.

Exemplo 6. Natureza das tríades que se forman na escala maior.

O Exemplo 7, na tonalidade de Sol menor, mostra o padrón da natureza dos acordes nas escalas menores. Repara en que neste exemplo hai dous acordes sobre o grao \hat{5} e dous no grao sete, tanto \downarrow\hat7 como \hat{7}. Uns non alteran a sensible e por tanto levan subtónica (da escala menor natural) e outros si que levan a sensible alterada (da escala menor harmónica). Como ves no Exemplo 7, as tríades construídas sobre os graos \hat{1}, \hat{4} e \hat{5} (sen sensible) son menores (e no cifrado americano levan as letras “mi”). As tríades construídas sobre o \downarrow\hat3, \downarrow\hat6 e \downarrow\hat7 (sen sensible) son maiores. a tríade construída sobre o \hat{5} usando a sensible alterada tamén é maior. As tríades construídas sobre o \hat{2} e o \hat{7} (coa sensible alterada) son diminuídas (e aparecen co símbolo dos graos, º).

Exemplo 7. Natureza das tríades que se constrúen na escala menor

Escribir Tríades

Para escribir unha tríade a partir do símbolo do acorde, tes que coñecer a fundamental e a natureza do acorde.

Isto pódelo facer simplemente contando os tons e semitóns de cada intervalo desde a fundamental, mais tamén podes seguir estes pasos, nun proceso que pode ser máis rápido:

  1. Escribe a fundamental na pauta.

  2. Escribe notas a distancia de terceira e de quinta desde a fundamental (é dicir, deseña un boneco de neve).

  3. Pensa (ou escribe) a armadura da tonalidade maior que leva o nome da fundamental.

  4. Para escribir unha tríade maior, engade as alteracións que teña esa armadura nas notas que estean no acorde.

  5. Para escribir a tríade menor, diminuída ou aumentada, engade as alteracións adicionais necesarias para modificar a terceira ou quinta do acorde de ser preciso.

O Exemplo 8 mostra este proceso coa tríade de Re maior:

Example 8. Escrita da tríade de Re maior en catro pasos.
  1. A fundamental é re, escribímola na pauta.

  2. Deseñamos o boneco de neve: un fa e un la, que están a distancia (xenérica) de terceira e quinta de re.

  3. Lembramos a armadura de re maior, que ten dúas díeses, fa♯ e dó♯.

  4. Incluímos unha díese (♯) a esquerda do fa, porque fa♯ está na armadura de Re maior. Non foi preciso o dó♯ porque o acorde non ten nigún dó.

Vamos completar este proceso coa tríade de La♭ menor (LA♭m ou A♭mi), como se ve no Exemplo 9.

Example 9. Escrita da tríade La♭ menor en cinco pasos.
  1. Escribimos o la♭, que é a fundamental do acorde.

  2. Deseñamos o boneco de neve, isto é, escribimos as notas dó e mi, que están a distancia de 3ª e 5ª (xenéricas) de la♭.

  3. Lembramos a armadura de La♭ maior. La♭ maior ten catro bemois: si♭, mi♭, la♭ e re♭.

  4. Agregamos o mi♭ porque está na armadura de La♭ maior. Si♭ e re♭ non fan falta, porque non son notas da tríade de La♭. Agora xa temos ben escrita a tríade de La♭ maior (la♭, dó, e mi♭).

  5. As tríades menores teñen unha terceira menor, que ten un semitón menos que a terceira maior. Por tanto, o paso final será rebaixar a terceira (o dó) medio ton (até dó♭). Agora xa temos a tríade de La♭ menor (la♭, dó♭ e mi♭).

Non esquezas que as tríades diminuídas teñen unha terceira menor e unha quinta diminuída, de modo que vas ter que rebaixar medio ton á terceira e á quinta sobre a base do acorde maior. A tríade aumentada ten unha terceira maior e unha quinta aumentada, entón vas ter que subir medio ton á quinta desde a base do acorde maior.

Identificación de tríades, duplicacións e espazamento

As tríades son identificadas segundo a fundamental, a natureza e a inversión. Da inversión falaremos no capitulo Inversión e baixo cifrado, de modo que nos centraremos por agora na fundamental e na natureza. Podes identificar as tríades seguindo estes pasos:

  1. Identifica a fundamental e escríbea.

  2. Imaxina a armadura da tonalidade maior da fundamental.

  3. Identifica e escribe a natureza.

O Exemplo 10 contén unha tríade que podes tentar identificar.

Exemplo 10. Unha tríade para identificares.

Para identificares esta tríade, pensa nisto:

  1. A tríade está na forma máis compacta, entón a fundamental é re.

  2. A tonalidade de Re maior ten dúas díeses, fa♯ e dó♯; podemos usar esta información para descubrir a natureza deste acorde.

  3. Nesta tríade, o fa é díese, igual que na armadura da tonalidade maior. En consecuencia, podemos asegurar que esta é a tríade de Re maior.

Vamos agora aplicar os mesmos pasos á tríade do exemplo Exemplo 11:

Exemplo 11. Outra tríade para identificares.

Para identificares esta tríade, pensa nisto:

  1. Primeiro, identificamos e escribimos a fundamental, que é dó♯.

  2. Despois, podemos identificar e escribir a natureza. Imaxinamos a armadura de Dó♯ maior, que ten sete díeses (todas as notas).

  3. Así, mi e sol serían díeses na tonalidade de Dó♯ maior, pero vemos que as dúas son naturais no Exemplo 11. Dado que tanto a terceira como a quinta foron rebaixadas un semitón, esta tríade é diminuída. Xa podemos asegurar con convicción que esta é a tríade diminuída de Dó♯ (DÓ♯º ou C♯º).

Se a nota máis grave do acorde resultaría nunha tonalidade "imaxinaria" (porque contén alteracións duplas), podes pensar na equivalencia enharmónica para reescribires a tríade. Este proceso será o mesmo que o que xa exmplicamos na última sección do capítulo sobre Intervalos.

Debido ao principio da equivalencia entre oitavas, a duplicación ou o espazamento das notas dunha tríade non afecta á súa identificación. O Exemplo 12 mostra varias tríades cos símbolos de acorde no cifrado americano. Como ves, a identificación das tríades é a mesma, independentemente das duplicacións en varias oitavas (Exemplo 12a) e de que se deixe máis espazo entre notas (Exemplo 12b). Tamén pode haber combinación de duplicacións e de espazamentos abertos, como se ve no Exemplo 12c. Para identificarmos tríades con duplicacións e espazamentos abertos, precisamos de imaxinar ou escribir as notas na forma máis compacta, por terceiras e sen espazo entre elas nin duplicacións.

Exemplo 12. As duplicacións non afectan ao símbolo do acorde.

Podes practicar a identificación da natureza das tríades co seguinte exercicio (en inglés):


Online Resources

Exercicios externos da Internet

  1. Triad Identification (.pdf, .pdf, .pdf, .pdf, .pdf, .pdf, .pdf)

  2. Triad Construction (.pdf), pp. 2, 4, 6, 7 (.pdf), p. 9 (.pdf)

Tarefas

  1. Triads Assignment #1 (.pdf, .mcsz). Asks students to identify 10 root-position closed-spacing chords with a chord symbol and write 10 chords in root position from a chord symbol. Includes C clefs.

  2. Triads Assignment #2 (.pdf, .mcsz). Asks students to identify 10 root-position closed-spacing chords with a chord symbol and write 10 chords in root position from a chord symbol. Includes C clefs.

  3. Triads Assignment #3 (.pdf, .mcsz). Asks students to identify 10 root-position closed-spacing chords with a chord symbol and write 10 chords in root position from a chord symbol. Includes C clefs.

  4. Triads Assignment #4 (.pdf, .mcsz). Treble and bass clefs only. Asks students to identify 20 root-position closed-spacing chords with a chord symbol, write 20 chords in root position from a chord symbol, and identify chords by chord symbol in a short piano-and-voice excerpt.

Atribucións multimedia


Notas de rodapé

  1. Noutros contextos, podes encontrar outras abreviacións (damos unha lista máis completa no capítulo sobre Símbolos de acorde (Chord Symbols).

Last updated